Así foi don Ángel Sevillano García, redactor xefe de El Pueblo Gallego, cando eu era estudante de Empresariais, e gozaba dun carnet de “reportero” de El Pueblo Gallego, en tempos tamén de José María Castroviejo, como director.
E de ben nacidos ser agradecidos, e eu teño que agradecer a quen foi meu mestre xornalista, quen ademais fora, director e colaborador de Grial, e do Anuario de Vigo, e membro da Real Academia Galega, e por riba, Premio Nacional de Xornalista no ano 1.943. Anos da fame e miseria.
Era eu un estudante cando este vigués, ninguén o privara de publicar a cotío, tanto en prosa como no eido poético, as nosas cousas da terra, xunguido polo cariño os paisanos, o ar, as árbores, os eidos e incluso o pan, de Cea, tan escaso nestes tempos.
Aínda así, o seu fino humor alumeado con aquelas cuncas de viño tinto na taberna de Elixio, debaixo do mesmo edificio de El Pueblo, con José María Castroviejo, prevalecen na memoria, coas vivencias, coas costumes de mozos e vellos. Vello que son eu nestes momentos.
A este meu agradecido mestre, a quen lle debo o pouco que sei, o lembro con todo cariño, e levo na memoria, parte da súa obra: “ O amor, o mar, o vento, e outros gozos”; logo, o “Muíño Albeiro” e “Terra de Liñar”.
Por aquel entón, anos 1.946 en adiante recitábamos pola rúa de Príncipe, o “Paisaxe no amencer”:
“Medoucos de millo novo,
Ouro vello nos viñedos;
Un carreiro entre os nabales
Na soedade dos eidos,
Espallados na Campía
Os ocres vivos do gando,
Nos comareiros o bimbio
No monte miudos corpazos”
Eu fun, na miña xuventude, ademais de estudante e reporteiro, fun tamén, un grande admirador e respectuoso alumno das súas correccións sobre os meus reportaxes, incluído o último sobre as Festas do Cristo de Cangas, levando na miña mente a súa sinal poética, o sentimento, e sobre todo no corazón a súa mensaxe sen ningunha cras, sen ningunha forma, etc.
No me blog Almofada esquecida, levo presente a súa métrica, que tanto para el, como para min, non teñen ningunha importancia.
Tanto el ,como eu, os nosos poemas se circundan pola paisaxe, polos vieiros, polos cruceiros e eidos da nosa terra: Eu, polo meu Fornelos da Ribeira.
Deste meu grande mestre, apunto o Premio Nacional de Periodismo, no 1.943, o Premio Cidade de Vigo, Premio Grande de Vigo, de Cinematografía, e posiblemente algún mais, que xa non me lembro.
A súa labor poética, “Terra Liñar”, “As dornas da Preguiza”, “ O amor o mar, o vento” eran as nosas novas de cada día que el xa recollera no seu tempo. Pero iremos por partes:
Este meu mestre xornalista don Ángel Sevillano García, como así me honro en chamalo, nace en Vigo un 25 de Xullo do 1.906 sendo seus pais oriúndos de Peleas de Arriba, do Concello de Corrales (Zamora), e os avós maternos de Cea, en Ourense, terra de pan., onde descansa dende o 14 de Decembro do 1.989 no entorno dunhas pétreas esculturas de Antón Failde, seu amigo.
Ángel Sevillano García, estudara, como eu, Empresariais pasando o xornalismo coa súa debilidade da vida cotía, e das xentes, as panaderías e o pan de Cea, os oficios que acollen os Paisaxes, un panadeiro e as Historias do Canizo (1.979).
Para este grande mestre meu, foi un grande ilustre vigués, veciño de Cea, amigo de Antón Failde, testemuña da súa morte. Estaba casado e tiña varios fillos. Un deles, Ángel Jesús, dez anos menos que eu, estudara na Escuela de Bellas Artes apuntando ser un virtuoso da pintura. De el, gardo unha pequena mostra como ouro en pano, aínda que non o creades. Das súas irmás Carme e Uxía, teño referencias de que viven en Santiago de Compostela. Xa pasaron tantos anos e por riba estiven inmigrado no Pais Vasco, que xa poucas lembranzas me quedan.
Quero lembrar aquí unhas verbas poéticas que conservo:
Diante dos ollos do si ou do non,
O buscapé da carretera:
¿Pro Carballiño das moitas fontes
Ou para os soutos de Xunto a Cotelas?
Enriba o castro de San Facundo,
Embaixo a ponte romana da Mirela…
Xeografía das margaridas,
Ben o sabemos eu e mais ela.
Os melros andan facendo a vendima;
A cotovía aniñou na touxeira
Quen ten recendos de pavieiros
Mesta as agullas de costureira.
Camiño embaixo, camiño en riba,
Segundo a costa da Madanela,
Nai zugazumos e cabrinfollos,
Siveiras bravas lucen as xestas…
¿Piñeiros? Falan por todas partes.
¿Carballos? Hainos cantos se queiran
Na Pelegrina do Arenteiro;
E mais na Santa Marina de Oseira.
¿Imos pras fontes do Carballiño
Ou para os soutos do pé de Cotelas?
Xeografía das margaridas
Ben o sabemos eu, e mais ela.
Que alí onde se encontre este mestre do xornalismo vigués, de El Pueblo Gallego, de Portela Valladres, saiba que aínda conservamos na memoria o seu bo facer, a pesares de tantos anos, como os que eu xa levo enriba, camiño dos oitenta e sete, esperando algún día vernos no mais Alén.
Debe estar conectado para enviar un comentario.