As luces e sombras de Fornelos da Ribeira

fornelos igrexa

Si, meus amigos, si, o espírito reconforta a xente de Fornelos na Igrexa de San Xoán; e o natural, nos impresiona dende o adro da Igrexa, pola súa beleza.

O feito de andar por toda a aldea, cura os males do corpo e os intelectuais, mais ou menos como eu, dito sexa de paso, nos abre as portas da cultura. ¿Ou non? Tal e así que a meta atopámola o final do desafío polos rueiros do Condado de Salvaterra do Miño e A Paradanta.

Temos pois motivos, para abrir neste blog a diversidade cultural da nosa aldea, pero hai que rachar cos tópicos enxebres xa pasados por auga, símbolo natural desta terra. Digamos da choiva que xa non chove, namorados do noso San Xoán, e contemplemos a marabilla que provoca a luz das fermosas raiolas sobre o Val do Tea en Fornelos, fuxindo das sombras negras, que como dicía algún, habelas hainas.

Quero dicir amigos, que tamén se debe andar polos diversos rueiros e vieiros, especialmente por aqueles nos que non se oculta o tempo.

Vinde a Fornelos e mirade como esta humilde aldea se alonga tras o lusco e fusco, e presta a súa beleza principal na carballeira de As Fraguiñas, a capital de tódolos rueiros.

Este Fornelos que traballa e durme, tamén se transforma en pedra, nos balados, na igrexa, e provoca sombras nos estreitos vieiros que nos dan a súa versión xustamente no rueiro do Casco, co cruceiro mirando para a capela Santa Rosa, coa encrucillada de camiños.

As luces de tódolos días abren oco entre os campos e piñeiros alargando as súas sombras, non só por esta terra, senón, por todo o Condado de Salvaterra do Miño.

Mirade para as beira rúas e vieiros como se conservan case como foron concibidas.

Esta é, unha invitación pois, para vir a contemplar Fornelos entre as súas luces e sombras. Porque dende fai de mais de mil anos, ata o século XXI, no que estamos, sempre foi buscando e soportando como facer para vivir en sonos, as moitas primaveras e noites con lúa, camiñando por estes rueiros e vieiros, que felizmente percorrín de meniño, tamén con luces e sombras. ¡Claro está! Como viven as xentes, sen parar.