As ruínas da Gurita en San André de Lourido

Grazas a Galicia Máxica lembrei as ruínas e pasaxes de A Gurita, aló polos anos 1,940 na Escola Pública que se cita, e logo despois co amigo Miro do Casco, e o brasileiro, reencontrándonos nos Penedos dos Mouros, e na famosa lenda subterránea ata a vila de Monçao, pasando por debaixo do Rio Miño.

Novamente dou as grazas a Galicia Máxica por lembrarme coas fantásticas fotografías aquelas estruturas posiblemente dalgún Pereira de Castro, etc.

Da pena observar nesta Galicia Máxica, que agradecemos, aquelas vivendas de séculos pasados totalmente arruinadas. Felicito así mesmo, a esta Galicia Máxica, por refrescarnos a memoria de San Simón de Lira, a súa historia co castro e pazos, por onde pasei de mozo aproveitando os veráns, incluso nalgunha das súas famosas feiras.

Invito os meus amigos a entrar na Galicia Máxica, para vivir dende a parroquia de Rubiós, terra dos bos viños, e as Furnas onde se exercían as funcións da protección do gando e as ferramentas do pastoreo, para achegarse a Altamira cos seus petroglifos acompañado de Fontán, xantar unha lampreada bañada con viño da casa, que e dicir moito.

Razón ten esta Galicia Máxica, para falar de castelos, torres e Casa forte de As Fraguiñas, en Fornelos da Ribeira, con Pedro Madruga e o noso Cristóbal Colón, así como do Monte da Torre na Nogueira de Ponteareas.

Falando do Val do Tea, por Fornelos da Ribeira, podemos falar tamén da Picaraña, do Espicho do Faro, ou da Capela do Castelo, penedo de San Cibrán, de lendas históricas faladas de boca en boca polas xentes.

Recolle Galicia Máxica, o camiño de Entenza, en Salceda de Caselas, pasando pola Ponte das Partidas en Moreira, deixando unha ruta antiga da historia a Ponteareas, sen esquecerse das demais terras e bosques de freixos, carballos, amieiros e outras especies da nosa Galicia Máxica, na http://www.galiciamáxica.eu, que todos agradecemos.

E ¡Por favor! Evitemos as noticias surrealistas, que afectan o noso patrimonio como o roubo de 110 anos de Palacios, do balneario de Mondaríz, para chatarra. E tamén da desfeita na Punta Moreira no Grove, que di moi pouco do noso amor polo Patrimonio, cando realmente se trata dun Ben de Interese Cultural (BIC).

Procuremos non ir de mal en peor. Grazas.