O cruceiro de o casco

galicia cruceiro

Alí aínda hoxe está no rueiro de O Casco, en Fornelos da Ribeira, acompañado da capela Santa Rosa, da miña familia, Clemente Francisco Cambra e meu pai Manuel Estévez Cambra, coa tenrura da vida, daqueles moradores do eido de Cambra.

Alí está no seu sillar de granito inconmovible os embates do tempo, asentado como monumento de fe, resistindo os vendavais e as chuvias, coa sinal do tempo, como testemuña muda do pobre camiñante.

E o noso Cruceiro, relicario onde dormen as tradicións, onde se gardan os suspiros e se esconden as tenruras dos paxaros que cantan o amor.

¡Que nostalxias encerra este Cruceiro de pedra, na miña aldea de Fornelos da Ribeira! ¡Cantas lembranzas de neno! Sentado o pé coa miña irmá Pepita (q.e.d.) nos anos 1.942, chegados de Vigo, nas vacacións, cando o sol caloroso do verán se fundía entre as montañas da Louriña, e puña un bico de amor cos seus estendidos brazos nesa pedra santa.

Cruceiro santo da miña aldea, esquecida, cantas veces a túa sombra, sentado nos chanzos onde te levantas, quizais soñando mil aventuras. Cantas veces baixo os teus brazos arrolou o merlo, os seus cantos de amor. Cantas veces a lúa pálida e as estrelas brancas sorprenderon os beizos e a pregaria dos mortos, pois alí paraban camiño da Igrexa.

Aínda hoxe cos meus anos, agnóstico, cando a luz teme do crepúsculo, dende lonxe, te lembro impasible, maxestoso, tranquilo, cos brazos abertos neste vieiro de O Casco, que venme a mente a triste historia dos meus parentes Cambra, e tíos avós, Clemente, José María e Rogelio Estévez Cambra, comentando a triste historia da vida do emigrante na América.

Falando destas cousas, a miña alma se estremece hoxe, como cando vin por primeira vez O Cruceiro solitario e triste, neste recuncho do camiño bicado tan so polos resplandores do sol.

¡Cruceiro da miña aldea de Fornelos da Ribeira! Mudo testemuña das bágoas das despedidas e dos xuramentos! ¡Cantas ilusións dormen entre os teus brazos! E que nostalxias vertidas nas almas que eu contemplei na imaxe que tantos anos leva presidindo os sonos da nosa xente.

Cruceiro de pedra, levantado no camiño do Casco, Miña aldea. Escoita cal noutro tempo, as alegrías de neno, con aquel sol caloroso do verán, se puña melancolicamente o atardecer. Entón bicara unha margarita silvestre, como pregaria polos mortos que este emblemático Cruceiro aceptou cal ofrenda de piedade as bágoas que brotaban dos ollos en lembranza doutros tempos.

Vetusto Cruceiro, relixiosamente falando, non deixo de evocarte pois no medio do rueiro do Casco te abres: ¡Salve, Cruceiro dos meus maiores, onde se encarnaron as épocas mais adorables de Fornelos! ¡Salve!