¡¡Sempre en Monçao!!

Monção

Fundado polo rei Afonso III, no seu actual emprazamento o longo do século XIII. E durante o reinado de Dinís, aló polo 1.305, dotado dunha coiraza envolvente para defenderse da nosa artillería galega durante o reinado de Manuel I.

No ano de 1.656 durante a Guerra da Restauración, transformouse en fortaleza en planta poligonal con 5 portas, baluartes e revelíns. Foi sometida por nós, entre o 1.658-59, pero non se renderon.

Este Sempre Monçao, que tantas veces visitei, previa autorización policial, constituíra para min, un elemento atractivo, co poeta Joâo Verde, testemuña dun pasado rachado de vestixios e movementos sempre agradables nesta terra.

Cantou o Miño: ¡Di que como o Miño, o noso pobo na terra onde nace quer morrer! Así foi e aínda así é. Lémbrome do peregrinar de Miguel de Unamuno, encontrandose no Bo Xesús do Monte, cunha camelia seca, descolorida, dentro dunha pequena moldura vidrada contra a cal a flor se espigaba en cruz. Aquela camelia, segundo a lenda, denunciaba todo un misterio da xente, dun bando e doutro, a forza telúrica que se movera coa emigración e o seu regreso:

¡Ai! quen fora paxariño
De leves alas lixeiras,
¡Ai! con que presa voara
Toliña tan contenta
Para cantar alborada
Nos campos da nosa terra

E Joâo Verde, coa melancolía saudosa dos campos das nosas veigas, dos nosos ríos, dos nosos montes cincentos. . .

O lindo recanto a onde
Entre un ¡Ai! E un alalá,
A miña alma se esconde
E o corpo repousará.

Lémbrome de Joâo Verde dos Ares da Raia, para ler de neno, e o lembro en Sempre Monçao. ¡Como está mandado!

Lémbrome tamén da Quinta do Miño, no mes de Agosto, entre aquelas murallas rodeadas de verdes campos e ladeiras con viñedos visitando unha amiga portuguesa de Oporto, con “señorita de compañía”, que era o que se levaba naqueles tempos. E da lenda Deu La Deu, do 1.368 que tanta xente salvou, como consecuencia da fame que reinaba no interior da fortaleza, e a dona do capitán Vasco Gomes Abreu, simulando abundancia lanzara pans do alto da muralla e o inimigo sorprendido levantou o cerco.

Lémbrome hoxe coma se fora onte, da Festa da Coca, co dragón que intenta escapar de San Xorxe, montado a cabalo. Da Breixoeira, xantando co meu padriño Tiago A. Cambra de Fornelos da Ribeira. Un dos mais belidos exemplares dos fidalgos da terra.

Lémbrome da freguesía de Troporiz, terra de Miquelina Rodrígues do Souto Coutiño, que tiven a sorte de vivir con ela moitísimos anos, tanto en Vigo como en Fornelos da Ribeira.

Lémbrome, como aínda non fai moito, acompañei a Monçao, a familiares da Arxentina, descendentes de Juan Bautista Cambra e Rivas, Gabriel Baez Cambra e familia, onde saboreamos o tradicional cabrito e bacallau asado o forno, ro9ciados cun viño albariño e os “pâezinhos Deuladeu”, e as barrigas de freira, que non se poden esquecer.

Penso nos seus 713 anos, se a sorte me acompaña estarei en SEMPRE MONÇAO, para rememorala tan célebre data. ¿Está claro?