O cultivo do viño no eido de Cambra

cosecha uva meder
Fora sempre a principal fonte de riqueza e a razón de ser de Cambra, en Fornelos da Ribeira. A pesar dos anos non coñezo con certeza a orixe das variedades das cepas, pero si me lembro de ler a testemuña de Estrabón, que xa na segunda metade do século II antes de Cristo, se elaboraba o viño por estes lares.

Nos meus anos mozos, a cultura do viño influía na vida dos veciños de Fornelos da Ribeira, influíndo na alimentación, no traballo, no descanso, na relixiosidade, na hixiene ¡Que sei eu! Cando nada lle era alleo.

Hoxe, lémbrome daqueles peores anos que pasaba madriña (q.e.p.d.), coas pragas do OIDUM, que combatía con xofre. O MILDEW, que sulfataba co caldo bordelés (sulfato e cal); e por último, a FILOXERA, que nalgúns casos obrigouna a sustituír as cepas por outras mais novas.

¡Canto me lembro das “damiselas neuróticas” que alumeaba Otero Pedrayo, falando das castes, treixadura, godello, Brancellau, albariño e caíño! ¡Que claro o tiña a miña madriña!

Aquel viño que se bebía no restaurante “CASA PEPE”, na rúa Doutor Cadaval, 13 de Vigo, demostraba un traballo serio, rigoroso da madriña, decidida a obter un grande viño.

Indubidablemente que aquel viño, de onte a hoxe evolucionou coa historia, coa vida, cos coñecementos e coa oportunidade dos tempos pasados. Lonxe quedaron os brancos que gardaban o mellor secreto, e os tintos con tons roxos picota e denotado frescor.

¡Como foron cambiando os tempos! Hoxe, cada viño reclama o seu sacramento. E a vida e como tódalas cousas, un lembrar daquel mundo de harmonía e concertos pitagóricos.

Tanto naquel Vigo de antes, como no de hoxe, onde me encontro, os brancos seguen na cociña do mar, no marisco e peixe, por ser frescos e de grande aroma. Os tintos, como os da madriña, agradables o padal, que harmonizan e enxalzan coas carnes, queixos e embutidos. E, por último o lacón e cocido de inverno, sen esquecer aquelas merendas nas romarías de verán baixo a carballeira de As Fraguiñas.

Lémbrome da “Casa Pepe” e lémbrome de Castroviejo e Cunqueiro, coas cuncas daquel viño tinto e branco nas mans, falando da Santa Compaña, lle di Castroviejo:

– Mira Álvaro; o que pasa e que a túa Compaña e de tinto e a miña e de branco.

Aquí queda como lembranza.