O ideario pioneiro dos nosos emigrantes: O mundo asociativo

cooperativismo
Recollido da práctica totalidade das sociedades de beneficencia, como a creada no 1.871 polos naturais destas nosas terras, que provocaron un auténtico “espírito asociativo”.

Así nacera a Sociedade Española para enfermos e o Patronato Español, para protexer os emigrados, fillos de emigrados e orfos, así como tamén, evitar a prostitución das emigrantes, que eran recollidas nos mesmos buques o chegar a Bos Aires, aloxándoas no establecemento da institución, onde señoras do Patronato as educaban para a vida honesta e proveitosa. No ano 1.926 había 73 españolas acollidas, e 79 nenos en réxime de internado.

No ano 1.900 nacen outras sociedades, como a Asociación Patriótica Española de Bos Aires, fundada no 1.896 coa pretensión de:

1º).- Responder o chamamento da Patria sempre que se necesite o concurso persoal, intelectual ou pecuniario dos seus fillos.

2º).- Saír na defensa do bo nome de España, cando sexa necesario.

3º).- Fomentar o espírito de confraternidade entre españois e americanos, axuda a repatriación dos necesitados, educación dos fillos, pobres, etc. (Estatutos da Asociación Patriótica Española, Bos Aires, 1.916. Bosquexo Histórico. La Facultad.1.914).

O “Mutualismo”, aparecido na segunda metade do século XIX, de forma artesanal, segundo os oficios, rueiros e xente, favorecidos polas epidemias que afectaron nociva mente o terceiro cuarto de século (Bos Aires, 1.871). A poboación de América Latina, de Sanchez Albornoz, aínda que nin cuantitativa nin cualitativa mente, eran iguais as prestacións en tódalas asociacións de Socorros Mútuos, pois so atendían as necesidades mais apremiantes, o non poder estender os servizos de protección e “axuda mútua” a todos; enfermos, indixentes, vellos ,repatriados e falecidos.

Naqueles tempos, as asociacións obreiras de Socorros Mútuos, estaban integradas en dúas clases de servizos: Os participantes que recibían as prestacións, e os “honorarios” que eran os poderosos, que pagaban a súa cuota o mesmo que os obreiros.

Entre 1.890 e 1.900 chegaran a Arxentina 131.714 emigrantes españois residindo xa na Arxentina 198.385 (Censo do 1.895).

Na primeira metade do século XX, se dispara, diversifica e crece xeograficamente o asociacionismo na Arxentina. No século XIX, nacen organizacións de carácter lúdico recreativas e culturais, que respondían as necesidades de cada emigrante de relacionarse coa xente do seu mesmo grupo, de falar a mesma lingua, e de encontrar e ofrecer solidariamente un pais que non é o seu; adoptar o medio asociativo despois de campañas de prensa, para que entre maio e novembro do 1.879 naceran os pioneiros do Centro Galego de Bos Aires. (El Regionalismo Gallego de M. Murguía, e Barreiro Fernández, Los gallegos de América, e Actitudes do nacionalismo galego, fronte o problema da emigración galega a América, 1.856-1.936).

O primeiro Centro Galego desenrolou a súa actividade recreativa e cultural ata a súa desaparición no 1.892, sendo re fundado no 1.907 coas prestacións médico hospitalarias, no 1.911 con outras prestacións.

A comezos do século XX, no marco xurídico das asociacións culturais de recreo, instrución e beneficencia, nace a ASOCIACIÓN “LA CONCORDIA” dos naturais da Parroquia de Fornelos da Ribeira, do Concello de Salvaterra do Miño, na provincia de Pontevedra, que se estende como a pólvora, para fomentar as creacións, construcións e sostementos das escolas básicas, e formación dos futuros emigrantes con coñecementos.

Resumindo: Trátase e afirmase na acta, de poñer a “andar un sono da parroquia para que voe”; e tamén, da axuda mutua e do ben facer; porque este mundo americano non é perfecto, como tampouco non é o europeo, de onde saíron, e non é xusto que cada home se valla por si mesmo. (Luís Seoane, Fardel do exiliado. Bos Aires, 1.952).

Esta sociedades voluntarias, suplían lagoas e deficiencias dos servizos do Estado, e sobre todo, desempeñaron, e aínda desempeñan, unha función de estrutura de transición no proceso de adaptación social do emigrante, amortecedor a incorporación destes, como factor de seguridade psicolóxica, e actuando como “axentes de aculturación”.

No ano 1.790 e logo no 1.804 se funda a Santa Irmandade de Santiago “O Maior”, polos orixinarios do Reyno de Galicia na Habana, que debo sinalar.

No século XVIII, tamén se crearan as primeiras Congregacións de Orixinarios do Reyno de Galicia, que seguiron camiños diverxentes. “Non tódolos que chegaban eran gana pans, nin os que esperaban eran pións”. (Los gallegos en América y la recuperación política de Galicia de X.R. Barreiro). Porque o Centro Galego debía ser a casa grande de todos que chegaban a terra descoñecida para eles. (Historia del Centro Gallego de R. Rodríguez Díaz. Bos Aires 1.940).

“ Para un galego medio, ser presidente dunha sociedade aínda que non conste mais que unha ducia de socios, equivale a ser presidente dun pequeno Estado”. (J.R Lence:op. Cit. p.146). Hai quen di que se está a vivir a “longa noite de pedra”, que impedía a realización de determinadas actividades culturais. (X.M. Núñez Seixas. Emigrantes caciques e indianos, 1.900- 1.939.Vigo 1.998).

VICENTE MARTÍNEZ CASTRO, da SOCIEDADE DE PONTEAREAS, e primeiro secretario da F.S.G. é activo militante socialista logo do seu regreso no 1.915, coa paralización como consecuencia da crise do distrito de Ponteareas, fundada no 1.935 como resultado da fusión de catro sociedades parroquiais: Comité ponteareán, Hijos de Nogueira, La Antorcha de Cristiñade e Brisas del Plata. Coa Guerra Civil, se provocou un importante movemento político de grupo de Solidariedade, destacando o papel da Federación de Sociedades Galegas, que colaboraron coa Cruz Vermella a favor da República e os refuxiados.

Aquí debo falar do clientelismo que xogaron os irmás XOSÉ e MANUEL GONZÁLEZ, que posuían unha fábrica de ferramentas na rúa Buen Orden, en Bos Aires, sendo boa parte dos emigrados da parroquia os que utilizaban a fábrica, como porta de entrada laboral na Arxentina.

Parecido caso o de MANUEL PUENTE, de Salvaterra que empezara de viaxante de comercio, aprende o oficio de xoieiro da man dun xudeu, e no 1.919 funda unha Compañía Comercial en Avellaneda, logo dedicado a xoiería, garaxe de vehículos, funda a Cámara de Comerciantes Republicans Españois, e faise mecenas da nosa cultura, ademais, de protector político de Alfonso Rodríguez Castelao.

RICARDO SESTELO, que participara na fundación de La Concordia, e na sociedade HIJOS DE FORNELOS Y ANEXOS, en 1.920 e na UNIÓN PROGRESISTA, en 1,921 que permitiu fusionarse, e financiar a escola, a ponte de Nogueira, e o cemiterio, en Fornelos da Ribeira, entre outras.

ROGELIO ESTÉVEZ CAMBRA, nado, como o que isto escribe, no eido de Cambra, no rueiro do Casco, en Fornelos da Ribeira, no 1.866 e finado en Bahía Blanca o 5 de Xullo do 1.939, foi un xurista e escritor, emigrante na Arxentina onde estudara Dereito, e fora Notario en Bahía Blanca. Dirixe o Foro e Notariado, colaborando con Vida Gallega, El Tea, El Eco del Condado, asinando varios artigos co pseudónimo Hidalgo de Casco. Publicou Crítica Notarial no 1.927.

SATURNINO PIÑEIRO, impulsor de LA ANTORCHA, de Cristiñade (Ponteareas). Fora Saturnino Piñeiro quen no ano 1.919 prepara os Estatutos da Sociedade Juventud Progresiva de Fornelos, que loitaría por un Fornelos mellor., coa participación dos agraristas Manuel Monteagudo, e Delfin Monteagudo, baixo a bandeira tricolor, e en condicións moi adversas.

X. PIÑEIRO, nado en Fornelos, emigrado na Arxentina, que empezando de camareiro nunha rede de restaurantes xudeus, alcanzou a ter varios hoteis en Bos Aires e Mar del Plata. Foi protector político de Salvador de Madariaga, quen lle regalou varios libros, entre eles “España (1.931)”, que a sua vez, me regalou a min, na súa visita persoal a Fornelos.

JUAN DOMÍNGUEZ VIEYTEZ, natural de San André de Lourido que favoreceu a colectividade dos emigrados e xeralmente as xentes de Fornelos (J.V. Viqueira, 1.922). Xa viúvo, con 77 anos e do rueiro de Pedrapiñeira, parecera morto, tendido boca abaixo no rueiro do Curxido, “morrendo de morte natural” As asociación agrarias persistiron no seu apoio moral e pedindo se aclara o crimen.

PANCHO RODRÍGUEZ RODRÍGUEZ, de San André de Lourido, retornado, fundou a Unión Campesiña, sendo asasinado o 2 de setembro do 1.911, tendo que escapar a familia da impunidade política e xudicial que protexía os asasinos.
Colabora coa Federación de Sociedades Españolas na Arxentina, funda e preside o Colexio de Escribáns de Bahía Blanca; no ano 1.887 funda unha revista satírica literaria, participa no asociacionismo emigrante e no 1.920 aposta co seus cartos, promovendo a filial Casa de Galicia en Bahía Blanca, ademais de ser nomeado presidente de honra de JUVENTUD PROGRESISTA, HIJOS DE FORNELOS E AÑEXOS, de Bos Aires, entre outras participacións.

Tivo no mundo da emigración un sólido prestixio, “nobre amigo de todos e patriarcal , experto conselleiro”.
Foi un líder dos primeiros tempos do movemento asociativo no mundo dos emigrantes, sobre todo en materia educativa e ideolóxica, cos paisanos da terra nai.

ROMÁN RODRÍGUEZ, agrarista, tamén fillo de Fornelos, que nos deu a entender a peculiar situación coa que debían enfrontarse os exiliados republicanos para instalarse na Arxentina. (Acta do Congreso Internacional “O exilio Galego”, do 24 ao 29 de Setembro do, 2.001).

Os nosos emigrantes tiveron unha intensa vida asociativa, e razóns para operar en común, e non contemplar as xentes durmidas cara a modernización do noso Fornelos da Ribeira, contribuíndo o melloramento colectivo de quen había quedado polo camiño, e que foran os nosos coterráneos de ultramar os que impulsaran a loita polo noso destino.

Non fomos nós só, senón, vascos, cataláns, asturianos, aragoneses, valencianos, canarios, andaluces, baleares, castelásleoneses, os que deron forma e difusión dos valores culturais propios, e o cultivo da lingua. Para todos eles, o noso recoñecemento mais sinxelo.

¡Hai que ver o que fomos e o que somos agora!