As miñas cores

vigo cidade
Os tubos de pintura que durante moitos anos usei para pintar, pecháronse fai hoxe precisamente anos, quedando as cores da paleta secos; os pinceis amazocados, deixando a estela amarga do augarás metido no baúl das lembranzas para sempre.

Xa hai algúns anos que o mal chamado laboratorio enchíase de po. Vigo, a miña terra adoptiva, queda nela, a miña humilde biografía, porque eu vin o mundo unha mañanciña de xeada, no eido de Cambra, do rueiro do Casco, do meu sempre querido Fornelos da Ribeira, do que me sinto orgulloso de ser home de aldea.

Lémbrome mais que recordar daquelas conversas na Cafetería Goya, en Vigo, con amigos da tertulia como Celso Emilio Ferreiro, e ¡Como non! Co mestre Manuel Colmeiro Guimaraes, observando as súas mans, amarelentas, engurradas no estudo que entón tiña na rúa de Colón, e na exposición na Sala de Velázquez Moreno no 1.952.

Paréceme que fora onte, cando deixara de escoitar as súas conversas, do noxo que lle tiña a violencia, daqueles relatos da súa vida con que nos entretiña,entre pinceis, emocionado e da Guerra Civil, que el chamaba incivil.

¡Que queredes! Me emociona a bandeira tricolor, nos dicía, porque non podía aceptar as humillacións, os aldraxes do bando vencedor.

Eu ben aprendín o vermello, amarelo e morado, que era para el e para min, as cores primarias da vida. E foron sempre as cores dos meus lenzos: Dinámicos, espontáneos e realistas.

Morado era o día, cando deixaba paso a noite, porque o sol morría coas cores moradas entre as Illas Cíes. ¡Que curioso! Eu era un aprendiz e el un grande artista, tanto como tertuliano como amo do pincel, coa verba e coa súa pedagoxía. De tódolos xeitos emocionaba.

Eu aprendín do mestre Colmeiro a pintar, pero non souben apañar a vida, nun anaco de lenzo, como el, pintando de memoria, sen segredos.

As terras arxentinas pregaron pola súa alma cando morre en Salvaterra do Miño, a miña terra nai, o 1º de outubro do 1.999.

Lémbrome sempre daquela singradura do “voluntariado exilio”, naquel arxentino paraíso, que hoxe e po, vento, auga, terra e elemento de inspiración eterna.

Hoxe descanso tranquilo esperando a morte, que me rebaixe a vida, as vivencias, o saber. . .

As miñas cores tan so hoxe son a lembranza o barlovento. . . ¡Así de claro!