A o meu estilo

fornelos de montes
No 17 de xaneiro do 2.021. atópome fronte a miña terra nai, logo de camiñar por este tremendo mundo, moitas veces en contra da miña vontade.

As augas do río Miño e Tea, entraban polas carballeiras e mergullábanse nelas como unha ledicia sagrada, acugulado renacer.

As xentes todas do Condado de Salvaterra do Miño, campaban preto de min, e falaban con migo na mesma lingua e debían fitar a vida e a morte cos meus ollos e pensamento.

A natureza do Condado fartábase de humildade e se enchía de beleza nas pedras vellas, nas árbores ensombrecidas nos toxais, nos panos das mulleres, na sinfonía dos xílgaros, reiseñores e verderolos, nos camiños que ían para ningures; as fiestras e cancelas que agardaban o amor do solpor; os homes que descansaban baixo os emparrados, ancestrais cavilosos, do vento nidio, tinguido das bolboretas.

E aquí estaba eu. O meu ser de Fornelos da Ribeira, asolagado nesta fontenla teimosa, o través dos desterros sufridos por min, e os nosos irmás, cabo polas searas e polos mares de América, acelerando sempre macios dunha terra que nunca será súa.

Lonxanos meridianos de onde vimos e a onde vamos. ¡Probe de min e outros!

Lémbrome de tantos paisanos nosos espallados polo mundo arriscando, deixando un fogar de infinda beleza, de capacidade económica axeitada, de cultura singular e transcendente na historia, e que incomprensións e aldraxes non puideron esnaquizar nin decidir a súa personalidade.

De fronte, ante min, mais de tres millóns de galegos, que se atopan nos seus eidos, adormecidos na cova dos sonos zarabicados nas vagueades da dúbida ou da angustia; na soidade coma pantasmas dunha néboa longa, sen escampar…

Velaí, porque teño que fuxir do canto do reiseñor e da preguiza dos “foles da gaita”e romarías, que poidan abrandar a miña vontade.

A ilusión orballada de cotío, o meu pensamento e o meu corazón, matinando e matinando coa friaxe dos meirandes problemas da miña terra que debe ter un senso xusto nos vieiros da vida e da cultura.

Logo de recorrer durante tantos anos os vieiros, se abriron os camiños a esperanza, e os veciños pululan por acougar a súa conciencia a o xustificar a súa pasividade. E o meu deber é debater por tódolos medios as solucións para a nosa terra, para a nosa vida, realidade tanxible.

Velaí, porque os nosos críticos semellando ser os nosos sabedores da realidade, tamén estean adormecidos na néboa mentres os veciños esperan morrer nas dúbidas.

Quizais non puidera ser doutro xeito. ¡Quizais! Dende o intre en que, as “parvaxolas e raposeiras” afástanse da xente que mantivo in corrente o senso de ser “da terra”, sendo que conta limiar para a solución das mágoas de orfandade e das pauliñas que nos aflixen.

¡Claro que nos abofetean! Cando se trata de explicar o que somos, de onde vimos e a onde queremos ir. Uns e outros.

Eu despois de tantos anos, vexo como a xente desexa cumprir o seu destino histórico sen atropelar e sen adormecerse. E, ninguén pode arrancarlle a xente o seu senso da terra que ama.

>Velaí, porque entón, a nosa xente xoga a esconder a súa realidade, e pensamos que xa chegaron os tempos de declarar con seriedade cales son os seus principios, sinos e rutinas… e tamén as especulacións que non serven para ren.

Hoxe non podemos admitir as escondidas detrás dos balados, as fuxidas por diante do porvir, e a pasividade da nosa xente.

Diante da realidade, e ineludible enxergar co pulo lanzal, a raizame da nosa cultura, da nosa economía, sen concesións, teorías e trapalladas inútiles, como se está a facer cada día.

Fai anos recollera de Luís Soto, ano 1.959 unha frase expresada por Castelao, na que expresaba: “Entre pau e pau descansa o lombo”. Frase expresada nunha noite de verán con Castelao.

Para min un tristeiro refrán da nosa resignación. Penso que Castelao pensativo retrocedería a frase: “Hai que rachar o pau, rapaz”.

Velaí a solución: “Mellor e queimar un magosto de progreso e de paz, esquecendo vellas xenreiras e con gaita”, si non lles parece mal a ninguén.

Aquel Castelao de Sempre en Galiza, foi o pai da nosa Biblia, e aquí está presente.

Pero eu teño que volver as nosas escolas da aldea, onde ano tras anos se deformaba a nosa Historia, e fixo boa falla, este novo ensino, para deste xeito, non se trocaran e deformaran actitudes trasnoitados: Lingua, tradición, reaccións, saudade, paisaxe, senso de vida e da morte; literatura, arte, economía, cultura. A nosa ilusión e a de moitos mais.

¡Cantos días pasei matinando! E a conclusión foi a “de ser”; e hoxe aquelas angustias deixaron “de ser”, pero aínda, nin teño sono, nin estou canso, nin estou vivo de todo, porque o meu espírito navega nun mar de silencios, sen paxaros, sen flores, sen arados, sen xente, todo perdido no tempo e no espazo. Cada vez mais.

Hoxe, 17 de xaneiro do 1.932 chegoulle a meirande dor a miña nai: O meu nacemento. E fiquei so, de mágoa e de angustia. Nin si queira árbore, so pedra. E nacín, vivo e morrerei nun curruncho cal queira, e seguirei trafegando inquedanzas e mágoas por tódolos eidos e veigas da miña terra querida.

Xa en Vigo, xa non puido ollar a miña terra nai, Fornelos da Ribeira, nin a familia que levo dentro do corazón que trema forte coas badaladas da esperanza. Na faldriqueira do tempo levo os meus pensamentos, a miña verdade, e a esperanza dos tempos propicios para amañar unha boa escavicha de teorías, moitas delas trasnoitadas e case que sempre afastadas da vida, para ensuciar o limpo e brillante grao de feitos que nos debe levar a labranza proveitosa.

Eu vexo as élites fuxindo da realidade e agachando o seu “eu”, após dos balados que se esborrallan implacablemente. E non é precisamente a xente a que se arrenega e fuxe e se esconde da tormenta, moi apesares de que cando a mallan moito, expresa de dentes para fora, que quenta o sol, cando e noite pechada. Pero imos a albiscar a raizame da dúbida matinando os complexos do tempo perdido. ¡Que os galegos teñan que saír dos seus eidos sen remedio con fatelo o lombo coma seitureiros mozos de corda, fogueiros ou taberneiros…!

Sigo teimando, como os demais, na influencia destes aldraxes, e dos esforzos para esborrallar tanta iniquidade, tanta argallada e tanta parvada.¡Xa está ben!

Un tal día, como hoxe, analicei as verbas e as ideas, e tiña razón o bardo Curros Enríquez: Agora creo ou non creo, pero dubidar xa non dubido. ¡Xa non hai dúbida! Non debe habela, nin a sementeira de tódalas dúbidas. Que si hai xentes que esconden no palleiro as trapalladas, porque coidan que o seu emprego infire un afastamento de progreso, e un perigo para o avance do pobo, si e certo, pero ¡Que se lle vai facer!

¿Cantas xentes escollen os vieiros axeitados para esixir, sen dúbidas, sen fuxidas da realidade?

Somos unha Comunidade Autónoma, que abofé ten algo que dicir e facer para o noso ben. ¿Cando imos a enfiar os vieiros das solucións para cumprir co noso destino?

Eu, amigos, coido que sería bo que fose agora mesmo, pois temos unha xeración de xentes preparadas que son exemplo e espello de sufrimento, ¡Unha vergoña! non darlle o premio de ollar a liberdade de traballar, ensinar e traballar na terra.

Unha xeración que ben merece conseguir o dereito de vivir e morrer en paz, no colo da terra nai. Eu tamén así o espero.