As rosquillas e melindres de Ponteareas

rosquillas ponteareas

Hoxe venme a memoria de cando de meniño me levaban a pe a Ponteareas, que ía gustosamente porque tiña fama de facer rosquillas e melindres exquisitos. Logo, despois, levoume a documentarme de como a tradición confeiteira de Ponteareas ven de lonxe, e fora o longo do tempo, moitos pasteleiros estiveron nesta localidade a partir do ano 1.940.

Pois ben, indaguei pola primeira pastelería dende unha tal Herminia González de Ribadavia que xa elaboraba doces do xudeus, herdada da tradición.

Falaba dos Reis católicos cando expulsaran os xudeus de Ribadavia, dos que quedaran algúns, tanto en Ribadavia como en Mondariz; e noutros lugares como Gondomar, todos de orixe hebrea.

Teño moi claro que a familia Martínez fora a primeira en Ponteareas, procedente de Ribadavia, no ano de 1.875 e xa naquel tempo, tanto Clemente Francisco Cambra, profesor cirurxián, como o seu xenro Ignacio Estévez de Castro, meu bisavó, se abastecían do forno do rueiro da Castiñeira, segundo teño entendido; e que eu fun alí acompañando a miña madriña Alfonsa de Fornelos da Ribeira. Onde tamén se abastecía de tan apreciados doces.

Daquela familia Martínez, encontrei datos de que estaba Maripepa, xunto coa súa irmá María Luísa, nese mesmo forno. E teño entendido que seguira unha filla que casara co encargado da fábrica de Curtidos Garra, que terminou sendo o “Dinguilindín” ata os nosos días. ¿Sabedes por que? Porque tocaba a campaíña, para a entrada dos traballadores.

Vinculados o negocio apareceron Antonio,María, Amparo, Ventura, Pepe, Gabino e Manolo. María casara con “Regino”, quen montara unha confeitería na rúa Esperanza. O fillo Luís, outra na costa de San Gregorio. Rogelio e Xosé, chamado Pepe foi o continuador do “Dinguilindín”.

Do matrimonio de Amparo xurdiu a pastelería “Troncoso” na rúa Gabino Bugallal.

Sempre que ía a Fornelos da Ribeira, non deixaba de visitar a emprazada na Praza Maior, que aproveitaba para saudar a familia Quinteiro, de grata lembranza.

O teño moi claro: En Ponteareas fora Míguez, o que mais rosquillas facía para abastecer as festas, feiras, mercados, tendas, etc. Era difícil atopar rosquillas e melindres fora de Ponteareas.

Hoxe, camiño dos noventa anos, vexo imaxinación, enxeño e inventiva nos doces de Ponteareas, de toda a vida. Sei que hai por aí, o chamado “Bolado” que din é un mazapán típico de Noiteboa, que descoñezo. A ver si antes de morrer o probo.