San Miguel de Calvelle, en Ourense

Calvelle

Lembrando os felices anos de vida no rueiro de Quintela, en San Miguel de Calvelle, en Ourense, situado naqueles frondosos piñeiros e carballos, foi curiosamente para min, unha paisaxe singular, con amplas panorámicas a Paderne de Allariz, o Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, e toda a chaira da Derrasa, que conserva rueiros singulares de resonancia histórica, como Carballizos, Pardieiros, Parladoiro, Quintela, onde vivín con restos dun castro, Reboredo, Selas, Vilarchao e o Coto de San Miguel, coa Igrexa, cuxo curado de representación fora do marqués de Bóveda no 1.859 e logo de Joaquín Pimentel Miranda, veciño de Madrid.

A pesares do tempo transcorrido, lémbrome da igrexa do ano 1.690, gardando o retablo maior en madeira (S.XVIII), coas imaxes de Santo Domingo, San Antonio, Virxe co Neno (S.XVII) e a Virxe do Carmo.

Tamén me lembro dunha preciosa Cruz Parroquial de prata (S.XVIII), dun precioso copón, cáliz e custodia da época barroca. E teño unha especial lembranza da reconstruída capela da Asunción, polos veciños coas súas axudas económicas,que no seu día pertencera o pazo fortaleza do duque de Medina de Ríoseco.

En todo o conxunto histórico se libraron batallas e acaeceron outros feitos de resonancia, do pobo descoñecidos.
Eu, dende o coto de San Miguel, cantas veces ollei o val da Derrasa, unha das mais fermosas panorámicas de Pereiro de Aguiar.
O carón da capela da Asunción, ollei cos ollos abertos as fiestras dos eidos do Parladoiro, Selas, Reboredo, Vilarchao, Carballizos e Quintela, sendo o centro Parladoiro onde canta e prega o pobo conxuntamente coas romarías. Canta a alegría de ser un pobo de almas boas, adicadas o traballo, coas lembranzas dos que fuxiron na emigración, por necesidade económica. Polos mortos e polos que aínda teñen que morrer.

San Miguel de Calvelle, foi para min, un deses singulares rueiros; un pobo de oracións silandeiros; un pobo relixioso en tódalas formas de vida, porque sente a relixión, desexa a liberdade individual, porque é humano, pensa democraticamente, no mais fundo e real da verba. Os homes e mulleres, son saudosos, cheos de misterio e engado coa natureza que chora e se queixa cando se murcha. E pensan que non hai outro mundo mais belido que os vira nacer. Néganse a esquecer os seus eidos onde xogaron de nenos e onde loitan, día a día, tendo medo de quedar a durmir o son da morte en terras que lle son alleas. E regresan a cotío os seus eidos despois de longas estadías fora da terra.

Nunca me esquecerei de San Miguel de Calvelle, especialmente de Quintela, e dese pobo que loita cada día, por ser o mais belido, mais rico e mais risoño, húmido e verde, como o doce ar.

¡Adeus, meu Calvelle, adeus!