A miña nenez en Fornelos da Ribeira

Fornelos Da Ribeira

Nos tempos da miña nenez escoitaba na miña aldea de Fornelos da Ribeira, que era unha parroquia sen pobres, pero o que realmente non había naquela época eran ricos, aínda que resoaran algúns apelidos importantes, que non vou a nomear aquí.
Lémbrome hoxe, igual que onte, de como os meus veciños sabían abastecerse de alimentos nas tendas de Xurreiras e Guillade, nas Fraguiñas; Ron,no rueiro do Casco, Manuel de Concha, en Cimadevila, e Pepita das Caneiras, en Martín, que algúns lembraredes, como eu.

Quen mais e quen menos, plantaba as verduras na horta para ter un mellor caldo con unto e patacas. Lémbrome de observar aos veciños de criar o porco para ter carne e unto que acompañar as verduras, patacas e feixóns, con algún chourizo de cebola, comida suficiente para non pasar fame. E aínda así había eidos no que escaseaba todo.

Naquel eido de Cambra, no rueiro do Casco, a miña madriña, sentía paixón por min, e se esforzaba en cumprir os meus caprichos, sobre todo cando ía de Vigo os fins de semana a vela.

Aínda me lembro hoxe do xantar un caldo de galiña, patacas, fabas, e carne da propia galiña, acompañado dunha cunca de viño tinto, que para entón xa podía beber. ¡Que tempos!

Tamén me lembro, das visitas que lle facía o seu irmá Xosé María de Vigo,acompañado do alcalde, Suárez Llano Menacho,do Gobernador Civil de Pontevedra, José Solis Ruíz, Ponce de León, presidente a Deputación de Pontevedra, e outros que xa non lembro.

Lémbrome como aquel eido era visitado tamén, por a mestra, Avelina Salgués Otero, de Pontevedra coa súa sobriña Conchita; de Ponteareas, Conchita Ojea, de Salvaterra, familia Suárez, e de Vigo, a profesora Maruja Carsi, da que conservo unhas fotografías sentado no Cruceiro do Casco, coa miña irmá Pepita (q.e.p.d.),e o cura párroco, don Francisco Fandiño, moi amigo da casa.

Dos da parroquia, Silverio Rivera, Manuel Monteagudo, Manolo Saborido e os xastres. “Antoniño”, que levaba no bolso os cachivaches con que acender os pitillos. Precisamente, Manuel de Concha, de Cimadevila, sacaba o seu librillo para liar o tabaco, pegando o papel o beizo inferior, para logo votalo tabaco na man, pasando as mans polas orellas e a boina, e coller a colilla que desfacía e engadía o tabaco, liando o pitillo.

Con o pitillo nos beizos, sacaba o seixo e a mecha que arrimaba o pitillo para que cando saltara a chispa se acendera; cando non, golpeaba convenientemente a mecha, plantando fogo para acender o pitillo que gustosamente saboreaba.

Das demais cousas e costumes, falarei cando me pete, non só dos xoguetes feitos a man, polos alumnos da escola pública; dos traballos da terra, da sega da herba, do rozalos montes, da recollida do toxo, da sementeira e da recolección, como dos diversos oficios que había das costureiras, zapateiros, cesteiros e xastres.

E tamén da humillación na escola pública polos mestres que castigaban por non falar castrapo e falar a lingua da terra nai, perseguida dende tempos dos Reis Católicos e señoritos da aldea.

De tódalas maneiras, escrebo e falo en galego, como parte da miña circunstancia, esperando, ao igual que fixera Álvaro Cunqueiro: “Mil primaveras mais para a nosa lingua galega”.