O cruceiro do rueiro do casco

rogelio estevez cambra

Adicado o meu tío avó Rogelio Estévez Cambra.

Aínda alí está, naquel recuncho do rueiro do Casco, na miña terra natal de Fornelos da Ribeira. Cruceiro vetusto, testemuña da vida e moradores daquelas familias.

Alí quedara, cando emigrara para Arxentina, naquel sillar granítico, inconmovible o paso do tempo, asentado na fe dos veciños desta moi querida terra de Fornelos da Ribeira, resistindo o vendaval cas chuvias, no que nin o caruncho do tempo tradeara os pes.

Alí aínda hoxe está, despois de tanto tempo, a testemuña muda, na encrucillada de camiños, cos seus brazos estendidos, cal amigo cariñoso, que ansía abrazar os pobres camiñantes que pasan por alí.

E un deles, e o vetusto Cruceiro, onde dormen as tradicións, se gardan os suspiros, e se esconden as tenruras, antes de emigrar. Onde os paxaros do amor cantan. E foi, é e será, o estoxo perfumado onde repousan as xemas ofrecidas antes de partir para América, como testemuña do amor a terra.

Si para min, pechou de meniño, a nostalxia daquela pedra antiga e musgosa, ¿Que non sería para aqueles familiares, que aquí foron nados, e partiron para América? ¿Cantas lembranzas levarían da nenez? ¡Canta amargura de xuventude!

Lémbrome, como si fora hoxe, sentado o pe del, no ano 1.940 coa miña irmá Pepita (q.d.e.p.), nas horas doces das vacacións, cando o sol caloroso puña un bico nos estendidos brazos daquela imaxe de pedra.

Eu fun testemuña daqueles dourados raios; solitario, tantas veces, cal sentinela da capela Santa Rosa, abeirando cos seus brazos os eidos e os viñedos do rueiro.

Este Cruceiro do Casco, a bo seguro que lle quedaría gravado no seu corazón. Non so no del, senón dos seus irmáns e tíos, Jesús, José María e Juan Bautista Cambra.

Lémbrome daqueles anos infantís da bendita inocencia. Cruceiro santo da nosa vida esquecida,¿Cantas veces a túa sombra, sentado, soñei, como os meus tíos avós, na Arxentina, mil aventuras? ¿Cantas baixo os teus brazos, arrufara o melro coas súas doces melodías sonos de gloria? ¿Cantas veces a Lúa, as estrelas sorprenderan algunha pregaria, polos mortos?

Hoxe estou lonxe da túa mirada, pero te imaxino descoidado, vello, e este agnóstico veciño, dende Vigo, escoita o vento e o rodar do trono nas noites fatídicas do inverno.

Entre as pedras que sombreas e o po do camiñante, delatas o paso do tempo. Ti xa sabes que cando vou a verte, me parece escoitar a voz cariñosa da familia, especialmente a madriña Ildefonsa Alonso Cambra, contándome a historia familiar emigrante.

E ti Cruceiro do Casco, mais dunha vez me entristecín o verte triste e solitario, movido do teu sitio, bicado, como sempre, polos resplandores do sol.

Cruceiro do Casco, en Fornelos da Ribeira, bendito sexas nesta aldea de Fornelos, testemuña das bágoas da familia Cambra, e Rivas, Estévez Cambra, e do resto da parroquia, testemuña das bágoas de despedida.

¡Cantas ilusións dormen entre os teus brazos, e que de nostalxias viches nas almas de quen contemplou a imaxe que presidiu os sonos do amor!

Evocador Cruceiro que na encrucillada do camiño do Casco, te abres a todos: ¡Salve, bendito Cruceiro dos maiores, onde se encarna a época do meu nacemento, salve!

Para este agora agnóstico vello, acepta a ofrenda de piedade e bágoas que brotan dos seus ollos e lembran rotos a chegada da súa morte. ¡Salve!

Publicidade

Ola!

Son Manuel Alfonso Estévez

Manuel Alfonso Estévez

Blog persoal para dar a coñecer o Condado de Salvaterra do Miño, a súa historia, os seus roteiros turísticos-gastronómicos e os seus viños.

Últimos comentarios

Descobre a riqueza cultural galega con ‘Galicia, Galicia’ de Manuel Rivas. Unha mirada perspicaz, liberadora e divertida que desafía a propaganda e exalta a liberdade, a imaxinación e o humor.